Saturday 27 de April de 2024

O Concello proxecta a reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández


· Os traballos, valorados en 128.000 euros, incluirán a pavimentación das vías, a execución dunha rede saneamento e outra de pluviais e a ordenación das rúas coa Avenida da Coruña.

· O proxecto levarase mañá a pleno para a súa aprobación e para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención que permita o seu financiamento.

O Concello de Camariñas levará mañá, venres 28 de maio, a pleno a proposta de aprobación do proxecto de reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández así como a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa para financiar as obras, valoradas en 128.000 euros.

Os traballos a executar centraranse na pavimentación das rúas citadas. Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado na rúa Ramón Noguera e de aglomerado asfáltico en Irmáns Fernández, material que tamén se usará para o entronque coa Avenida da Coruña.

Previamente á pavimentación procederase á execución dunha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á red xeral que conduce á estación depuradora e evitando así que se produzan vertidos ao mar. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.

Finalmente, procederase á ordenación do encontro destas dúas rúas coa Avenida da Coruña. Para facilitar a mobilidade habilitarase un paso peonil de pedra granítica que conectará a Avenida da Coruña coas rúas a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha baranda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.

Outros asuntos do pleno

Na sesión plenaria tamén se tratarán outros puntos como: a aprobación definitiva do Estudo de Detalle para reaxuste de aliñacións no cuarteirón existente entre a rúa da Rampa e o Paseo Marítimo de Camelle, a adhesión ao convenio entre a Xunta e a FEGAMP para a tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas COVID-19.